Galicia recibirá esta semana a visita dunha delegación catalá de Grupos de Desenvolvemento rural e responsables da xestión agrogandeira na Generalitat para coñecer as iniciativas que se están levando a cabo no noso territorio co obxectivo de favorecer o relevo xeracional no agro ou a mobilización de terras, explotacións e vivendas para favorecer ese regreso ao medio rural. A visita servirá tamén para intercambiar aprendizaxes entre os dous territorios en materia de acompañamento a mozos e mozas na súa incorporación ao agro, o acceso ás terras e a transmisión de explotacións, e permitirá identificar as oportunidades de cooperación neste sentido.
O encontro celebrarase no marco do proxecto “Nó Rural”, que impulsan a Asociación GDR10 Limia-Arnoia, GDR Terra Chá, GDR Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e GDR Mariñas-Betanzos baixo o liderado de Seitura 22.
Programa
A visita técnica arrincará este mércores 3 de xuño pola tarde, coa recepción á delegación catalá na casa do concello de Allariz (18:30 h) e unha breve rolda de presentacións dos GDR, unha presentación do “Proxecto Allariz como modelo de desenvolvemento rural” e unha visita guiada pola localidade.
Así mesmo, xoves e venres celebraranse as xornadas “O relevo no sector agrario entre Galicia e Cataluña” no concello de Sandiás, abertas á cidadanía interesada na súa temática.


Xornada do xoves
A primeira sesión desenvolverase na sala de xuntas da Casa da Lagoa da Antela e comezará ás 10:00 h coa recepción do público asistente. Deseguido, o alcalde do concello anfitrión, Felipe Traveso, acompañado polo presidente da IXP Pataca de Galicia en A Limia, José Manuel Gómez, darán a benvida, e tamén, a palabra a Servando Álvarez Pousa, técnico responsable do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, que falará do proceso de transformación da comarca da Limia dende os anos 50.
Sobre as 11:30 h, a xerente do GDR Limia-Arnoia, Eva González, presentará o proxecto Aterra, e xa ás 12:00 h, catro mozos emprendedores falarán do relevo xeracional en primeira persoa. Son Melani Araújo (Crismel S.C.), Breogán Prieto (Lar de Breogán), Abel Sotelo (Patatas Guays) e Borja Campelo (Patagal). A xornada da mañá pecharase ás 13:00 h cun debate sobre o contexto actual e as medidas de futuro a adoptar, e o papel de cada quen no proceso.
Xa de tarde, ás 16:00 h, está prevista unha visita á comarca dende unha visión produtiva e paisaxística que incluirá parcelas englobadas no proxecto Aterra; a explotacións de cultivo da IXP Pataca de Galicia, e á Torre de Pena.
Xornada do venres
As xornadas retomaranse o venres, ás 10:00 h, na casa da cultura de Sandiás, coa presentación do proxecto “Relleu Agrari” a cargo do GDR Adrinoc. A continuación, Josep Dadón, responsable de Desenvolvemento Rural do Departamento de Agricultura, Gandeiría, Pesca e Alimentación (DARPA) da Generalitat, e Jaume Sió, xefe do gabinete técnico do DARPA, abordarán “A estratexia de relevo xeracional agrario en Cataluña” e o proxecto “Catifa vermella: un mellor acompañamento dos mozos que se incorporan no sector agrario”.
Ao redor das 10:40 h, Miguel Teixido, xerente de Seitura 22, presentará de seguido o proxecto de cooperación Leader “Nó Rural”, e contra as 11 h, a técnica da Ovica, Cristina Díaz, falará da Escola de Pastores da Limia. Ás 11:30 h, presentaranse diferentes políticas e iniciativas en materia de relevo agrario impulsadas pola Administración (Xunta de Galicia), a Universidade (neste caso, de Santiago de Compostela) e o asociacionismo (Sindicato Labrego Galego). Será o punto e final a tres días de visita técnica.


