25motivos.gal nace como un novo punto de encontro para facilitar a consulta e achegar nun mesmo espazo propostas, historias e recursos dos 25 concellos do territorio Limia-Arnoia: A Bola, Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Os Blancos, Calvos de Randín, Celanova, Entrimo, Lobeira, Lobios, Maceda, Muíños, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
Esta plataforma preséntase como unha ferramenta para descubrir, celebrar e dar a coñecer a riqueza cultural, patrimonial e natural da comarca, e poder facelo dunha forma máis sinxela, tanto para as persoas que viven nela como para aquelas que o visitan ou queren coñecelo mellor.
Unha axenda para non perder nada
Un dos principais apartados da web é o de Eventos, que reúne nun mesmo calendario as actividades que se desenvolven nos diferentes concellos. O calendario permite localizar festas, concertos, xornadas, rutas e outras citas e consultar a súa programación.
Deste xeito, 25 Motivos convértese nunha ferramenta para estar ao día e descubrir novos plans, permitindo consultar que actividades hai programadas nos próximos días e semanas e coñecer mellor a diversidade de propostas que se desenvolven na Limia-Arnoia.
Entre as propostas que se poden atopar están eventos tan representativos como a Romería da Saínza, en Rairiz de Veiga; a Festa do Esquecemento, en Xinzo de Limia ou o seu popular entroido, xunto con actividades culturais, deportivas, gastronómicas e tradicionais que se celebran ao longo do ano.

Moitos motivos para coñecer o territorio
A nova web vai máis alá da programación: 25motivos.gal permite achegarse aos diferentes recursos e atractivos do territorio, con información sobre lugares, patrimonio, natureza, tradicións e outros elementos que forman parte da identidade da Limia-Arnoia, como as zonas de baño. Ademais, cada un dos 25 concellos conta cun espazo propio para coñecer mellor o que ofrece.
A proposta complétase con contidos sobre tradicións, festas singulares, gastronomía e historias que forman parte da identidade da Limia-Arnoia. Así, 25 Motivos busca ser un punto de partida para coñecer o territorio e descubrir novos lugares e experiencias que quizais aínda non coñecemos, e ter novos motivos para percorrer o territorio.
Co lanzamento deste proxecto, o territorio da Limia-Arnoia ten un espazo onde acceder a unha parte importante da actividade que se desenvolve na comarca e permite ter nun único lugar información para planificar unha visita, buscar un plan ou simplemente descubrir algo novo sobre os concellos que o integran.


