Novas · Proxectos e territorio: así se distribúen as solicitudes LEADER

Proxectos e territorio: así se distribúen as solicitudes LEADER

O programa LEADER, integrado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, é unha ferramenta clave para impulsar o desenvolvemento do medio rural a través do apoio a iniciativas que xeran actividade económica, melloran a calidade de vida e poñen en valor os recursos do territorio. A través dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), estas axudas permiten canalizar proxectos promovidos pola propia sociedade local, adaptados ás necesidades de cada zona.

No caso do GDR Limia-Arnoia, a actual convocatoria recibiu un conxunto diverso de solicitudes, un total de 67, que reflicten a realidade e as oportunidades do rural, tanto desde o punto de vista económico como social.

Clasificación das solicitudes recibidas

As solicitudes recibidas encádranse en proxectos produtivos, proxectos non produtivos públicos e proxectos non produtivos privados.

Por un lado, temos os proxectos produtivos, orientados á creación, modernización ou ampliación de actividades económicas. Trátase de iniciativas promovidas principalmente por persoas autónomas ou empresas co obxectivo de xerar emprego, crear novos proxectos, ampliar a empresa existente, diversificar a economía ou a mellora da tecnoloxía dunha pequena empresa rural. Desta categoría recibíronse 38 solicitudes, entre as que se poden atopar proxectos que buscan a reacondicionamento ou modernización do seu local, adquisición de nova maquinaria, creación de apartamentos ou casas turísticas. Para este tipo de proxectos orzaméntanse 4.026.077,64€.

Xunto a eles, presentáronse tamén proxectos non produtivos, que non teñen unha finalidade económica directa pero si un claro impacto social, cultural ou ambiental. Dentro desta categoría diferéncianse os proxectos non produtivos públicos, impulsados por Concellos e centrados na mellora de servizos e infraestruturas, e os proxectos non produtivos privados, promovidos por asociacións e entidades sen ánimo de lucro, orientados á dinamización social e comunitaria. En proxectos non produtivos públicos, recibíronse 13 solicitudes nas que atopamos a recuperación de elementos patrimoniais, melloras paisaxísticas, melloras en escolas infantís ou de dixitalización de patrimonio, para os que se orzamentan 461.477,60€. Polo lado de proxectos non produtivos privados, podemos ver que as 16 solicitudes están enfocadas á adquisición ou mellora de locais sociais, de materiais para levar a cabo o traballo da asociación ou melloras en montes comunais, cun orzamento de 546.774,01€.

Ademais, a convocatoria inclúe o Bono Activa Rural, unha liña específica pensada para fomentar o emprendemento no rural, apoiando a posta en marcha de novas actividades económicas, especialmente no ámbito non agrario, e facilitando o inicio de proxectos como autónomo/a. Desta axuda recibíronse 8 propostas.

O investimento mobilizaría un total de máis de 5 millóns de euros.

Distribución territorial das axudas

En canto á distribución territorial, as solicitudes presentadas amosan unha participación repartida entre diferentes concellos do ámbito do GDR, rexistrando peticións 21 dos 25 concellos que integran este GDR Limia-Arnoia.

Isto permítenos observar como as iniciativas se espallan por todo o territorio, con maior presenza en Xinzo de Limia (9), Allariz (8) ou Bande (6) con maior presenza do sector servizos e agrario.

Nos vindeiros meses, todas estas solicitudes serán avaliadas en réxime de concorrencia competitiva, co obxectivo de seleccionar aqueles proxectos que mellor contribúan ao desenvolvemento sostible do territorio e así repartir o orzamento do que dispón o GDR Limia-Arnoia, que é dun total de 1.325.166,54€.

Máis artigos sobre Novas

Programación Ruralmente: que imos facer?

O proxecto Ruralmente continúa a súa programación cunha serie de xornadas dedicadas á pataca de Galicia, un produto clave para a economía e a identidade agraria da comarca da Limia. As actividades desenvolveranse os días 25, 26 e 27 de