O obxecto da convocatoria é a contratación, con carácter indefinido e a tempo completo, de tres peóns de traballos ambientais para a realización de traballos nas parcelas do GDR Limia-Arnoia ubicadas nos municipios de Lobeira, Lobios, Entrimo e Muíños para a execución do proxecto MIXTURANDO: Desenvolvemento de novas estratexias de valorización do bosque mixto en espazos protexidos de Galicia e Asturias.
Natureza do contrato e características do posto
O motivo da contratación vén dado pola necesidade de persoal especializado e acorde á execución das diferentes accións contempladas no proxecto MIXTURANDO e polo tanto, só durante o tempo necesario para a súa execución debido á súa vinculación con programas financiados con fondos europeos.
Hai 3 prazas dispoñibles de peóns de traballos ambientais. A categoría profesional é equivalente á de peón forestal do convenio colectivo para o sector de actividades forestais. As retribucións brutas anuais son de 17.000€ en 14 pagas. A xornada de traballo será a tempo completo. As vacacións e o horario, que poderá ser partido en xornada de mañá e tarde e de luns a domingo, adaptarase ás necesidades do servizo, respectándose en calquera caso os descansos correspondentes.
Descrición do posto de traballo e proceso de selección
Entre as funcións a desempeñar atópanse:
- Tratamentos silvícolas, talas, podas, desbroces, cortalumes, clareos, eliminación de especies invasoras e prevención de incendios forestais.
- Repoboacións forestais e restauracións paisaxísticas do medio natural, sempre no ámbito forestal.
- Preparación e conservación de áreas recreativas, sempre no ámbito forestal.
- Xestión forestal para o aproveitamento da biomasa.
- Outras actividades relacionadas coa conservación, ordenación e vixianza dos espazos naturais, sempre no ámbito forestal.
Polo tanto, requírese coñecemento e experiencia acreditada no manexo e mantemento de maquinaria forestal, motoserras e desbrozadora ou, no seu defecto, declaración responsable dos coñecementos necesarios do manexo e mantemento de dita maquinaria.
O proceso de selección realizarase por valoración de méritos (ata 60 puntos), proba tipo test (ata 15 puntos) e entrevista persoal (ata 25 puntos).
Presentación de instancias
As persoas interesadas en participar neste proceso selectivo deberán presentar a súa solicitude de participación empregando o modelo oficial do Anexo I das bases legais, que deberá estar debidamente cumprimentado.
Débense presentar no rexistro do GDR Limia Arnoia (Edificio de Servicios Sociais do concello de Xinzo de Limia, Avenida de Ourense, 19, Xinzo de Limia) de luns a venres de 9 a 14 horas, nun prazo máximo de 10 naturais a contar dende o día seguinte á publicación das bases, é dicir, ata o 24 de xaneiro ás 14.00 horas.
As solicitudes deben ir acompañadas de fotocopia do DNI ou NIE en vigor, fotocopia da titulación académica esixida na convocatoria ou certificación académica equivalente, Anexo II debidamente cumprimentado e fotocopia dos xustificantes acreditativos dos méritos alegados computables no proceso de selección.
Accede ás bases legais e aos Anexos que se deben cumprimentar dende o botón que deixamos despois deste parágrafo, así como ao proceso de selección e outros detalles do proceso selectivo.
O Proxecto Mixturando
O GDR Limia-Arnoia, o GDR Terra e Auga, o GDR Camín Real de la Mesa (Asturias) e o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela participan no proxecto Mixturando. Desenvolvemento de novas estratexias de valorización do bosque mixto atlántico en Asturias e Galicia.
As catro entidades resultamos beneficiarias da convocatoria da Fundación Biodiversidad de subvención para o apoio a proxectos transformadores para a promoción da bioeconomía ligada ao ámbito forestal e á contribución á transición ecolóxica no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, do Ministerio para a Transición Exolóxica e o Reto Demográfico, financiado polos fondos Next Generation EU, polo que recibimos unha cantidade de 1.690.592,38€ para traballar ao longo de 2024 e 2025 no aproveitamento do bosque mixto.