Novas · O GDR Limia-Arnoia abre unha nova convocatoria para o arrendamento de terras da Finca Antela

O GDR Limia-Arnoia abre unha nova convocatoria para o arrendamento de terras da Finca Antela

O GDR Limia-Arnoia publica as bases da nova convocatoria para o arrendamento da superficie cultivable restante da Finca Antela, propiedade da Deputación de Ourense e cedida ao GDR para o desenvolvemento do proxecto Aterra. A iniciativa busca recuperar terras agrícolas en desuso, facilitar o acceso á terra e favorecer novas oportunidades para o sector agrogandeiro.

A finca, situada no concello de Sandiás, ponse a disposición de explotacións da zona co obxectivo de recuperar a súa actividade produtiva e promover un modelo de agricultura sostible, respectuoso co medio ambiente e co futuro do territorio.

Requisitos de participación

Poderán presentar a súa solicitude:

  • Persoas físicas ou xurídicas que sexan agricultoras profesionais no momento da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
  • Persoas agricultoras de nova incorporación que se comprometan a darse de alta na actividade agraria nun prazo máximo de 12 meses desde a sinatura do contrato de arrendamento.

Ademais, as persoas solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), así como coas obrigas coa Seguridade Social.

Principais condicións do arrendamento

Estas son algunhas das condicións que cómpre ter en conta antes de presentar a solicitude:

  • Prezo: 300€/ha ao ano, IVE incluído. O primeiro ano estarán exentas do pagamento as persoas agricultoras de nova incorporación e aquelas que se deran de alta na actividade agraria nun período máximo de 12 meses antes da publicación das bases no BOP.
  • Duración: os contratos terán unha duración de ata 5 anos, con posibilidade de prórroga por outros 3 anos, ata un máximo de 8 anos.
  • Cultivos ecolóxicos: os cultivos deberán estar certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
  • Plan de cultivo: será obrigatorio presentar, xunto coa solicitude, un plan detallado dos cultivos e actuacións previstos para os cinco anos de concesión.
  • Rotación de cultivos: establécese unha rotación de 3 anos para a pataca e de 2 anos para o resto dos cultivos.

Tamén será obrigatorio cumprir o código galego de boas prácticas agrícolas. No caso do regadío, as persoas arrendatarias deberán asumir os gastos fixos correspondentes e os derivados do consumo anual da súa parcela.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude e, en principio, optar á adxudicación dunha soa parcela. Non obstante, o equipo técnico do GDR poderá agrupar varios lotes individuais para atender as demandas existentes e facilitar o aproveitamento das terras.

A data da publicación das bases no BOP é o 9 de novembro. O día 10, o GDR organiza unha reunión informativa coas persoas interesadas

Criterios de prioridade na adxudicación

A concesión das parcelas realizarase mediante un sistema de puntuación que busca favorecer a incorporación de novas persoas á actividade agraria, apoiar o asociacionismo e promover prácticas agrícolas sostibles.

A valoracións distribuirase en dous bloques:

  • Solicitantes: 40% da puntuación. Teranse en conta factores como a nova incorporación á agricultura, a incorporación recente -cunha antigüidade inferior a cinco anos-, a participación das mulleres na titularidade das explotacións, a discapacidade, o cooperativismo e a localización da explotación. As persoas solicitantes con explotación nun dos 25 concellos do GDR Limia-Arnoia recibirán unha valoración específica, con maior puntuación para as situadas nos concellos que integraban a antiga Lagoa de Antela.
  • Tipos de cultivo: 60% da puntuación. Priorizaranse os cultivos de horta, os cereais autóctonos e os cultivos mellorantes do solo. Tamén se valorarán os cultivos cerealistas, a pataca amparada pola IXP Pataca de Galicia, os cultivos forraxeiros e os prados, segundo a puntuación establecida nas bases. Todos os cultivos deben estar certificados en ecolóxico polo CRAEGA.

A convocatoria tamén establece que terán prioridade as persoas que presenten unha solicitude por primeira vez fronte ás que xa participaron na anterior convocatoria e resultaron adxudicatarias. En caso de empate, aplicaranse os criterios previstos nas bases.

Prazo e presentación das solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. A publicación está prevista para o 9 de novembro de 2026, polo que o prazo estará aberto ata o 9 de decembro de 2026, incluído.

O procedemento realizarase a través da web de Aterra:

  1. Acceder a aterra.gal e cubrir o formulario.
  2. Descargar e cubrir os anexos correspondentes, incluído o plan de cultivo.
  3. Enviar os anexos e a documentación complementaria requirida ao correo electrónico info@aterra.gal.

A solicitude considerarase rexistrada cando o GDR envíe un correo electrónico de confirmación coa mensaxe «Recibido. O seu número de rexistro é…».

Na web de Aterra estarán dispoñibles as bases completas, os anexos e as indicacións sobre a documentación que debe achegar cada persoa solicitante. Recoméndase consultar toda esta información antes de iniciar o trámite.

Podes facelo a través deste botón:

Reunión informativa

Co obxectivo de resolver dúbidas e ofrecer máis información sobre esta convocatoria de arrendamento, o martes 10 de novembro, ás 11.00 horas, celebrarase unha reunión no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, dirixida ás persoas interesadas en optar ao arrendamento dos lotes da Finca Antela.

Aterra: recuperar terras para crear oportunidades no rural

O proxecto Aterra, impulsado polo GDR Limia-Arnoia en novembro de 2022 baixo o lema “Recuperar a terra. Deseñar o futuro”, naceu para dar resposta á demanda de terreos agrícolas e conectar as persoas propietarias de terras con aquelas que precisan superficie para desenvolver os seus proxectos.

A iniciativa busca dinamizar o territorio, recuperar terras abandonadas ou en desuso e facilitar a posta en marcha de novas actividades agrogandeiras, contribuíndo á sustentabilidade e ao relevo xeracional no campo.

No caso da Finca Antela, a cesión acordada coa Deputación de Ourense permite recuperar a actividade produtiva dunha superficie de elevado valor agrícola e histórico. A través desta nova convocatoria, o GDR Limia-Arnoia continúa traballando para que estes terreos volvan ser unha oportunidade para o sector agrario e para o desenvolvemento económico da comarca.

Máis artigos sobre Novas