Novas · A Limia reúne especialistas e amantes das aves nas xornadas de ornitoloxía “20 na Limia”

A Limia reúne especialistas e amantes das aves nas xornadas de ornitoloxía “20 na Limia”

Píllara real na Lagoa de Antela, Xinzo de Limia

O Xeodestino A Limia acollerá os días 13 e 14 de novembro as xornadas de ornitoloxía “20 na Limia”, unha iniciativa que reunirá ornitólogos e naturalistas de Galicia para compartir coñecementos e afondar na riqueza e nos valores ornitolóxicos deste territorio.

O programa combinará unha sesión divulgativa e un encontro entre persoas vinculadas á observación e ao estudo da natureza cunha saída de campo a dous espazos de interese para a observación de aves: as Areeiras de Sandiás e Gomareite.

Programa

O venres 13 a xornada desenvolverase na Casa da Cultura de Sandiás, a partir das 16.30 horas.

A apertura correrá a cargo de Felipe Traveso, alcalde de Sandiás, e dará paso ao relatorio de Diego Rodríguez, titulado Recursos e valores ornitolóxicos da Limia, no que se abordará a importancia deste territorio para a observación e o coñecemento das aves.

Ás 17.30 horas terá lugar un encontro de ornitólogos e naturalistas de Galicia, un espazo pensado para favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos entre persoas interesadas no patrimonio natural e na biodiversidade.

A xornada rematará cunha cea prevista para as 21.00 horas.

As actividades continuarán o sábado 14 pola mañá cunha saída de campo que comezará ás 10.00 horas e percorrerá as Areeiras de Sandiás e Gomareite.

Será unha oportunidade para coñecer sobre o terreo dous espazos de interese natural da Limia e achegarse á súa riqueza ornitolóxica a través da observación directa.

A actividade permitirá poñer o foco no valor dos humidais e doutros hábitats para as aves, así como na importancia de conservar estes ecosistemas e os recursos naturais que forman parte da identidade do territorio.

Como participar nas xornadas?

As persoas interesadas en participar nas xornadas de ornitoloxía 20 na Limia poderán inscribirse a través deste formulario.

Para calquera dúbida pódese contactar a través do teléfono 604 09 46 65 ou no correo info@xeodestinoalimia.gal.

Máis artigos sobre Novas